Estás en ... Consellería de Pesca > O Sector > Tipos de actividades > Acuicultura
Acuicultura
A acuicultura, no seu senso máis amplo, defínese como o conxunto de actividades encamiñadas ao cultivo de especies acuáticas. A costa galega goza dunhas condicións idóneas para a acuicultura grazas, entroutros factores, á abundancia de fitoplancton, a temperatura e a salubridade das augas. Isto permitiu o desenvolvemento dunha industria acuícola propia, diversificada e en crecemento constante, sobre todo dende finais dos anos 70. Galicia ocupa, pois, posicións de liderado no sector dos cultivos mariños. Ademais dunhas excelentes condicións naturais, a comunidade galega conta con tecnoloxías avanzadas, unha probada experiencia empresarial neste tipo de producións e recoñecidos centros de investigación e de formación especializada. A piscicultura atópase actualmente nun proceso de expansión. Algunhas empresas ubicadas na nosa comunidade son líderes do sector tanto no mercado español como nos mercados internacionais.
Fonte: Anuario de Pesca, 2007 (Servizo de Produción Pesqueira da Dirección Xeral de Recursos Mariños. Consellería de Pesca) O mexillón cultivado nas rías é o produto máis importante do sector e goza do recoñecemento da Denominación de Orixe Protexida "Mexillón de Galicia". Este bivalvo cultívase en bateas segundo un sistema de acuicultura extensiva cun mínimo control por parte do acuicultor, sen aporte de nutrintes nin intervención no proceso de reprodución. O mexillón das bateas galegas abarca o 98% do mexillón producido en España. Berberechos, ostras e ameixas son tamén especies representativas da acuicultura galega cun peso do 97,75%, 94,19% e 72,04% sobre a produción nacional, respectivamente. Ademais, Galicia é a única Comunidade Autónoma en España que cultiva especies como o polbo, o ollomol ou o abadexo. O rodaballo é outro dos produtos estrela desta actividade. O seu cultivo en Galicia supón o 88,66% da produción española.
Fonte: Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos 2007 (Servizo de Produción Pesqueira da Dirección Xeral de Recursos Mariños)
|
Novidades
|