Consello Agrario Galego

Compartir

O Consello Agrario Galego créase como un órgano permanente de participación, asesoramento, diálogo e consulta do Goberno galego en materia agraria e desenvolvemento rural. Este nova asemblea supuxo a desaparición das cámaras agrarias provinciais, cuxo patrimonio foi cedido pola Xunta ás organizacións agrarias representadas. É función do Consello Agrario Galego a creación dun marco institucional axeitado para favorecer e impulsar a participación e colaboración dos representantes sindicais do agro en todos aqueles asuntos relativos ao sector agrario, así como impulsar o diálogo, a participación e a colaboración entre as institucións, administracións e axentes sociais implicados, propiciando o intercambio de información e a busca de acordos naqueles asuntos de maior relevancia para o sector agrogandeiro de Galicia. Outro obxectivo é a análise das políticas que afectan o sector agrario no seu conxunto, así como a contribución ao seguimento dos plans e programas das políticas agrarias que teñan incidencia sobre o medio rural, prestándolle unha especial atención ao impacto de xénero das medidas adoptadas. Emite ditames sobre a normativa de carácter xeral do Goberno e específica da consellería competente, nas materias de agricultura e desenvolvemento rural, así como sobre os plans e programas relativos á política agraria e de desenvolvemento rural e normativas sectoriais que lles afectan ás condicións socioeconómicas dos habitantes do medio rural.


Outras funcións

Ademais, o Consello Agrario Galego propón reformas, canaliza recomendacións e achega suxestións respecto daquelas políticas que lles afectan ás condicións socioeconómicas dos habitantes do medio rural. Propón e asesora os distintos órganos da Administración pública galega sobre as medidas e accións que se consideran necesarias para mellorar o nivel de renda das explotacións agrarias e a calidade de vida da poboación dedicada á actividade agraria, promovendo a dignificación das actividades laborais agrogandeiras.

Ten tamén a misión de realizar informes sectoriais sobre a situación, evolución e perspectivas dos diferentes subsectores agrarios, así como impulsar a participación das mulleres que se dedican á actividade agraria, e en xeral das que viven no medio rural, en todas aquelas cuestións relativas ao sector agrario e ao ámbito rural, e fomentar a cooperación coas administracións competentes na articulación de políticas de erradicación das discriminacións por mor do xénero.

Composición

O Consello Agrario Galego está integrado por 24 membros, segundo o regulado no artigo 4 da Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego, de acordo á seguinte distribución:

a) Presidente ou presidenta: o conselleiro ou conselleira competente en materia de agricultura e desenvolvemento rural.

b) Vicepresidente ou vicepresidenta: o secretario ou secretaria xeral da consellería competente en materia de agricultura e desenvolvemento rural.

c) Cinco vogais en representación da consellería competente en materia de agricultura e desenvolvemento rural.

d) Cinco vogais en representación das consellerías competentes en materia de benestar social, medio ambiente, política territorial, industria e sanidade.

e) Doce vogais en representación das organizacións agrarias máis representativas de Galicia.