Este programa sanitario desenvólvese en Galicia e no resto do Estado desde o ano 2002 con dous obxectivos principais:
- Realizar unha vixilancia activa da presenza das enfermidades de porcino obxecto de vixilancia co fin da súa detección precoz.
- Acreditar o estatus sanitario de Galicia e do resto do estado en relación con estas enfermidades.
No seu orixe ía dirixido á vixilancia da peste porcina africana (PPA), peste orcina clásica (PPC), enfermidade de Aujeszky e enfermidade vesicular porcina, as patoloxías máis relevantes de declaración obrigatoria no gando porcino. Posteriormente quedaron fora deste programa a enfermidade de Aujeszky, por contrar cun programa de vixilancia e control propio e enfermidade vesicular porcina ao quedar fóra da lista de enfermidades de interese da Oficina Internacional de Epizootias (OIE), a organización mundial da sanidade animal.
Debido ao cambio de situación epidemiolóxica causado polo incremento na incidencia da PPA nos países do este de Europa, no ano 2014 reforzouse notablemente a vixilancia, tanto pasiva como activa, de cara a conseguir unha detección rápida desta enfermidade no caso de que se producira a entrada do virus da PPA no territorio nacional.
As principais actuacións que se están a levar a cabo de acordo coa situación de risco sanitario actual son:
- Vixilancia serolóxica activa mediante controis periódicos dunha mostra representativa de explotacións porcinas.
- Vixilancia activa en movementos de entrada en Galicia procedentes doutros países con destino a vida, realizándose inspección clínica das partidas e toma de mostras para diagnóstico serolóxico e virolóxico.
- Control das condicións de limpeza e desinfección dos vehículos de transporte de animais vivos procedentes dos países de maior risco.
- Vixilancia en matadoiros mediante investigación postmortem de lesións compatible coa PPA nos sacrificios porcinos de rutina.
- Programa de reforzo da bioseguridade nas explotacións porcinas.
- Campañas de información e concienciación dirixida a todos os axentes implicados (gandeiros, transportistas, veterinarios, empresas comercializadoras de porcino, etc..).